En Santiago estes días podemos videar algunhas obras da filmografía de Ken Loach, nun ciclo que precederá a conferencia que dará o cineasta británico en Santiago o próximo 20 de xuño dentro do ciclo "Conversas con...", organizado por Vicepresidencia da Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, onde Loach falará da labor do cine como ferramenta de compromiso social.
O luns 11 de xuño proxectouse Ladybird,Ladybird; unha película baseada nun feito real que trata sobre a loita de dúas persoas (Maggie e Jorge) por formar unha familia. Maggie terá que loitar por recuperar ós seus fillos, a cargo dos servizos sociais. Cando coñece a Jorge, un refuxiado latinoamericano, ve a posi-bilidade de acadar a felicidade. Pero terá que enfrontarse tamén a problemas xenófobos. Dura crítica ó sistema de asistencia social en Gran Bretaña.
O martes proxectouse My name is Joe, drama social sobre un parado que, tras ser alcohólico durante anos, deixa a bebida e se adica a adestrar ó peor equipo de fútbol de Glasgow. Cando coñece a Sarah, unha asistenta social que vive para o seu traballo, ambos namóranse apaixonadamente, pero non lles resultará doado manter esa relación nun mundo onde a vida cotiá é realmente dura.

Onte mércores púidose ver Bread and Roses. Unha película sobre dúas irmás mexicanas que traballan como limpadoras nunha importante empresa dos Ánxeles en condicións de explotación laboral. Tras coñecer a Sam, un activista defensor dos traballadores, tomarán conciencia da súa situación e emprenderán unha campaña de loita polos seus dereitos. Pero isto ponas en perigo, xa que poden perder o seu traballo e ser expulsadas do país.
As outras dúas películas que se poderán ver son The Navigators, sobre a privatización da British Rail, onde os traballadores dubidan entre acatar as novas normas ou ser despedidos e entrar a formar parte das listas das axencias de traballo temporal; e Sweet Sixteen, protagonizada por actores non profesionais e que conta a historia de Liam, un rapaz que está a piques de cumprir os dezaseis. A súa nai, Jean, está no cárcere, pero sairá á rúa a tempo para o aniversario do seu fillo. Liam quere aproveita-la ocasión para que todo vaia ben esta vez.

Liam soña cunha vida familiar que nunca tivo, crear un lugar seguro para a súa nai, a súa irmá Chantelle e para el mesmo, fóra do alcance de vagos como Stan, o mozo da súa nai, ou mesmo do seu propio avó, un ser mesquiño. Pero para iso terá que conseguir cartos, algo difícil para un adolescente sen branca. Os seus disparatados plans e os seus amigos non tardan en metelo en toda clase de problemas. Ó darse conta de que a situación se agrava perigosamente, Liam é consciente de que debería marchar, pero quizais esta vez sexa demasiado tarde.

Ken Loach é un director do que se ven denomi-nando cine social. As súas películas están carac-terizadas polo seu realismo, o seu inconformismo social, a súa crítica ó sistema social, o seu interese polos personaxes marxinados, a súa defensa dos oprimidos e o seu achegamento a seres anónimos da sociedade. Unha forma de facer cine máis alá das pretensións artísticas. Un cine que ás veces se torna demasiado duro e cru polo real do seu relato, pero un cine que é, cando menos, NECESARIO.
O director Ken Loach




A charla de Ken Loach será no Auditorio de Galicia ás oito da tarde.