Onte íanse reunir os expertos da comisión para resolver a convocatoria das subvencións á produción de curtametraxes deste ano 2007. Dende a páxina da Axencia Audiovisual Galega atopamos datos interesantes sobre a participación e os formatos escollidos.

Ó igual que o ano pasado, destacan os proxectos presentados por creadores individuais, fronte a aqueles proxectos de curtametraxes cunha produtora. Estes representan un 83% das solicitudes, polo que se produce un retroceso na consideración das posibilidades das curtametraxes por parte de produtoras. Outro dato interesante é que predomina a ficción sobre os demais xéneros, habendo tamén unha presenza importante de obras innovadoras e experimentais.

Curioso resulta o dato de que a maioría das solicitudes de axuda proceden da provincia da Coruña (60%), seguidos de Pontevedra (33%), Lugo (4%) e Ourense (3%).

Por último, hai que celebrar o incremento da presenza de mulleres entre os solicitantes. Esperemos que a calidade das obras seleccionadas sexan do mesmo nivel que as do ano pasado.Mentres tanto, agardamos impacientes para coñecer a resolución da convocatoria de axudas.