Tras un parón de verán, volto con algunhas novas destes últimos días (imaxino que a alguén lles interesarán)
Por unha banda, moitos xa oiréchedes falar do novo videoclip do grupo de rock Radiohead, no que grazas a dúas tecnoloxías das empresas Geometric Informatics e Velodyne. As tecnoloxías empregadas no video permiten capturar imaxes en 3D do mundo real sen empregar lentes, mediante un sistema de xeometría informática que produce un feixe de luz que rexistra imaxes tridimensionais se se proxecta a pouca distancia do obxecto. Isto foi empregado para os planos curtos.
Ademais, a banda empregou un sistema que utiliza diferentes láseres para capturar contornos de maior tamaño, coma paisaxes. O resultado é este videoclip, realizado sen empregar nen cámaras nen iluminación; tan só láser e datos. Os datos poden ser descargados dende esta páxina web.
Por outra banda, unha nova que de seguro interesa a tod@s os galeg@s relacionados co sector audiovisual. Segundo unha entrevista concedida por Suso Iglesias, director da TVG, a un xornal galego, a segunda canle da televisión autonómica arrincará en outubro as súas emisións. Segundo conta Suso Iglesias, esta canle irá esencialmente dirixida ó público infantil, aínda que tamén haberá contidos xuvenís, culturais e de servizo público, dando así cabida a aqueles contidos que non se atenden en exceso pola guerra de audiencias. Ademais, segundo as declaracións de Suso Iglesias, esta segunda canle non implicará a creación de novos postos de traballo. No ano e medio que queda para o apagón analóxico, di que van a manexar pouco orzamento, polo que se poñerán "series para nenos que xa estaban ahí, dobradas porque o Xabarín as emitiu fai anos e que as recontratan agora a un prezo moi barato".
E outra nova que nos chega estes días pola Axencia Audiovisual Galega, é que neste segundo semestre do ano faranse en Galicia cerca de cen producións audiovisuais, nas que predominarán as curtametraxes de ficción. Segundo a Axencia, esta cifra amosa un crecemento superior ó rexistrado en anos anteriores, e dentro destas producións estarán representados todos os modelos de produción posibles: dende óperas primas a directores con experiencia, cinema comercial, coproducións con outros territorios ou producións de baixo orzamento. A variedade de modelos de produción estará acompañada pola variedade de xéneros narrativos, dende a comedia social ata a road movie.
Dende aquí agardamos que a cantidade non vaia reñida coa calidade.




Escribe un comentario